Friday 19 de April de 2024

O Concello habilitará un área recreativa e miradoiro no Alto da Vela


· Para financiar a actuación, que suporá un investimento de 29.983,80 euros, o Concello acadou unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia.

· O obxectivo é crear unha área recreativa, integrada na paisaxe e conectada coa Ruta Litoral de Camariñas, con zona de observación e interpretación da ría, da flora e fauna da franxa litoral.

· Instalarase a sinalización correspondente, adecuarase a superficie da parcela, plantarase unha árbore, habilitarase unha zona de bancos e colocaranse postes cilíndricos.

O Concello de Camariñas habilitará un área recreativa no Alto da Vela, xunto á estrada que conecta o centro da Vila co Cabo Vilán, que funcionará, ademais de como zona de parada para os sendeiristas que percorren a Ruta Litoral de Camariñas, como miradoiro privilexiado da ría e a biodiversidade da costa.

Para financiar esta actuación, que suporá un investimento total de 29.983,80 euros, o goberno local acadou unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia, dentro da liña de mellora das infraestruturas turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes.

O obxectivo desta actuación é crear un área recreativa con zona de observación e interpretación da paisaxe e fauna avícola da franxa litoral, dotada de elementos interpretativos do espazo Rede Natura. Un espazo directamente relacionado coa ‘Ruta Litoral de Camariñas’ xa que vai permitir a súa conexión con ela.

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou a importancia de “a través deste proxecto, poñer en valor o espazo Rede Natura como recurso turístico tanto para o desfrute dos veciños e veciñas de Camariñas como para fomentar o turismo de natureza”. “Son moitos os e as visitantes que se achegan a Camariñas e visitan o Faro Vilán, agora terán un novo lugar de interese”, afirmou.

Os traballos a levar a cabo para a execución deste proxecto, que se integrará o máximo posible na contorna e será respectuoso cos obxectivos e finalidades da Rede Natura 2000, inclúen a instalación da sinalización nos principais accesos ao lugar, a creación dunha plataforma de formigón, a plantación dunha árbore para crear un efecto de primeira pantalla vexetal con respecto á estrada, a habilitación dunha zona de bancos e a colocación de 16 postes cilíndricos que actuarán de barreira entre a zona habilitada e o resto da parcela.